Saturday 18 de May de 2024

O Concello de Noia entregará 4.200 máscaras de protección aos veciños e veciñas maiores de 65 anos e persoas de risco


O material adquirido polo Concello poderá retirarse de xeito gratuíto nas seis farmacias do municipio
O Concello de Noia adquiriu 4.200 máscaras de protección contra o
coronavirus COVID-19, que repartirá de xeito gratuíto entre os veciños e veciñas maiores de
65 anos e persoas pertencentes a grupos de risco. Un reparto que volverá ser realizado a
través das seis farmacias do municipio e que está dispoñible dende o día de hoxe.
De feito, durante as últimas horas persoal de distintos departamentos municipais, así como
algúns concelleiros e concelleiras estiveron no salón de plenos preparando as máscaras que
se entregarán nesta quenda, a razón de dúas por unidade familiar. O alcalde, Santiago Freire
Abeijón, explica que “é a segunda entrega de material que facemos á veciñanza nos últimos
días. Como na vez anterior seguimos centrando os esforzos nos nosos maiores, por seren un
dos colectivos máis vulnerables ao coronavirus, e desta vez incluímos tamén ás persoas
pertencentes a grupos de risco, que poderán retirar estas máscaras en calquera das seis
farmacias de Noia simplemente achegando a súa tarxeta sanitaria”.
Un total de seiscentas máscaras xa foron entregadas onte nas seis farmacias do municipio:
Busto Rodríguez (rúa Comercio, 23), Cruces Zabala (rúa Gómez de Ares de Guisamonde, 1),
Fernández Leiceaga (Sosfreixos, 3), Leiceaga Baltar (rúa Comercio, 1), Veiras Pérez (rúa
Calvario, sn) e Jorge Barros (Vista Hermosa, 16). As 3.600 restantes serán entregadas hoxe
por persoal municipal e integrantes de Protección Civil, a razón de 600 unidades por
farmacia.
O Concello de Noia xa empregou este sistema para distribuír a semana pasada un total de
1.800 máscaras de protección, achegadas pola Deputación da Coruña, entre as persoas
maiores de 65 anos. Nesta ocasión, as 4.200 máscaras que se repartirán foron adquiridas polo
Concello noiés. “Deste xeito cumprimos o noso compromiso de seguir facendo novas
entregas de material á poboación”, sinala Freire Abeijón, quen indica que “ademais de
atender aos colectivos máis vulnerables, tamén imos colaborar co noso sector comercial para
axudarlles na súa próxima volta á actividade”. Así mesmo, reitera o seu agradecemento aos
profesionais farmacéuticos de Noia para achegarlle este material ás persoas que o precisen
dende a farmacia máis próxima.